O pasado martes 6 de novembro o alumnado de Física e Química de 4º da ESO do noso
colexio asistiu á videoconferencia Facendo Física de Partículas polo
mundo que organizou a Coordinadora Galega de ENDL para festexar o III
Día da Ciencia e a Tecnoloxía en Galego que convocan os colectivos de
docentes de Matemáticas, Ciencias e Tecnoloxía co fin de reinvindicar
que a ciencia e a tecnoloxía se poden expresar, e ensinar, tamén en
galego.
Na charla participaron cinco investigadores galegos que traballan en
proxectos punteiros que se desenvolven no CERN, The European
Organization for Nuclear Research (orixinalmente: Conseil Européen pour
la Recherche Nucléaire), o máis grande laboratorio de Física de
Partículas do mundo que está situado en Xenebra na fronteira entre
Francia e Suiza. E falaron dende Santiago de Compostela, Xenebra,
Londres e Lisboa para máis de 6.000 estudantes de máis de 90 centros de
Secundaria e Bacharelato de todo o país. Iso si, tomando como punto de
partida o noso colexio, pois foi dende Soutomaior dende onde se
presentou a videoconferencia para toda Galiza.
Patricia Conde, Olalla Castro, Abraham Gallas, Carlos Salgado e Cibrán
Santamarina contaron a súa experiencia científica e responderon algunhas
das centos de preguntas coas que os rapaces e rapazas os bombardearon
durante boa parte da charla: que supón o descubrimento do Bosón de
Higgs?, que é a antimateria?, que son os quarks e os gluóns?, etc., pero
tamén preguntas máis persoais sobre a carreira investigadora, a
dedicación ao seu campo de investigación ou os pasos que deberon seguir
para chegar onde hoxe están.
O que nos quedou claro é que, como eles mesmos recalcaron, dende
colexios e institutos coma os nosos, con profesores e profesoras coma os
nosos, e con forza de vontade, moita ilusión e ganas de aprender a
esgalla podemos chegar ben lonxe. Tamén animaron ás rapazas a estudar
carreiras de ciencias, que parece que non é moi habitual, cando menos en
Física, e tamén a facer ciencia e tecnoloxía en galego, que nunca foi
obstáculo nun contexto multilingüe como o que se moven para desenvolver o
seu traballo. É máis, afirmaron que tanto no contexto informal como no
académico o galego comparte espazo en diálogo e en pé de igualdade con
outras ducias de idiomas no maior proxecto europeo de investigación.
(Organizado polo Departamento de Física e Química e ENDL para o alumnado de 4º ESO que cursa Física e Química).
No hay comentarios:
Publicar un comentario